27 de novembro de 2014

BURBUJAS



NOVEMBRO MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

ENTUSIASMO E PROXIMIDADE SON A CLAVE DA DIVULGACIÓN CIENTÍFICA.
(Ángel Carracedo)

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.
Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, do científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. Conocido investigador e divulgador científico, Ángel Carracedo ten colaborado coas bibliotecas, tanto públicas como escolares, na difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento.

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc.

Folleto divulgativo do "MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS"

25 de novembro de 2014

25 DE NOVEMBRO DO 2014: NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

As ilustracións dos/as alumnos/as de 2º de Bacharelato de Técnicas Gráfico Plásticas, un ano máis, tristemente, non nos deixan impasibles ante esta lacra. As técnicas usadas van desde lapis de grafito, lapis de cores, rotuladores, acuarelas, tintas, témperas, acrílicos, collage...Todo para facernos sentir por uns momentos esa mágoa que se reflicte na súa faciana.








 



20 de novembro de 2014

PAPEL MARMORADO


Os papeis á auga, papeis marmorados ou marbled papers, son unha variedade de papeis tinxidos, decorados con formas que semellan vetas naturais do mármore e outras formas arbitrarias, obtidas colocando o papel sobre a pintura que se dispuxo sobre a superficie da auga nunha cubeta, espesada con agar-agar ou outro produto parecido. As pinturas utilizadas soían ser acuarela ou gouache e a auga espesábase ata facer unha xelatina para que a pintura non se disolvera, mantendo así as formas que se van obtendo ao depositalas na súa superficie, manipulándoas con punzóns, peites... O papel deposítase sobre esta superficie coloreada, previamente tratado con algún producto que lle proporciona mordente, facilitando a absorción uniforme da capa de cor: humectantes, fel de boi, óleo, trementina e outros productos.
O papel marmolado vén de Xapón. No século IX utilizábase o "suminagashi", papel decorado con axuda de tintas depositadas na auga. Servía de soporte á caligrafía, aos poemas e logo aos documentos oficiais.
De Asia pasa a Turquía, onde coñece un novo pulo. As cores fan a súa aparición. Son aínda frouxas pero variadas. O papel marmolado chega a Occidente no s. XVII: a Italia, Alemaña, Inglaterra e, grazas aos intercambios comerciais, instálase en toda Europa.
Existen diferentes técnicas para a fabricación do papel marmolado. A máis simple consiste en facer aboiar tintas con base de aceite sobre auga. A tradición di que esta técnica fora inventada no século XVII por Mace Ruette, encadernador oficial do rei Luís XVIII, ao querer obter papel que se parecera ao mármore de onde deriva o seu nome.
Nos séculos que seguiron, esta técnica de decoración foi moi popular en Europa e era considerada como unha arte complementaria á da encadernación.
Os alumnos/as de 2º Bach.de Artes experimentaron con esta técnica, e logo de probar distintas fórmulas, a máis exitosa foi a de pintura ao óleo con augarrás. Tamén probaron a da pintura acrílica con fel de boi, que sempre queda con menos carga a pintura. Os papeis usados foron cartolinas, papel basik, medias tintas, acuarela...
Estes papeis convertíronse en portada e contraportada de pequenas libretas de notas que se entregaron como agasallo para os centros participantes no Proxecto do Comenius Biodiversity of Rivers do IES de Sar 2013/15, que nesta ocasión chegaron de Chipre, Polonia, Romanía, Turquía, Portugal e Illa de Francia.

Nestes enlaces pódese ampliar a información
Art of the Marbler

Ebru Art @ American Islamic College

Artimañas blog: Papel al agua


16 de novembro de 2014

SAMAÍN 2014

Un ano máis, uns seres fantasmagóricos enchen o noso centro e rachan a monotonía do cotián. Cabazas que parecen chegadas doutra beira do mar, México, ou que pasaron o Estreito de Xibraltar nalgunha patera. Os esqueletos, caveiras, arañeiras, momias, bruxas... tampouco faltaron á cita do noso esquecido e recuperado Samaín.


14 de novembro de 2014

A VISITA DE FEDERICO DELICADO

Un ano máis, visita o noso centro o ilustrador galardoado co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Nesta ocasión foi Federico Delicado (Badaxoz, 1956) que é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. En 1970 iniciou a súa traxectoria profesional, elaborando materiais audiovisuais e traballos para á prensa. Participou en exposicións de pintura e escultura. Nos últimos anos publicou numerosos libros dirixidos ao público infantil e xuvenil.
Trátase dun texto “moi contemporáneo”, segundo o xurado, que o defineu como un traballo “para pensar e sentir”, pola súa capacidade para “despertar as conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez”.
Tamén  destacou da obra gañadora a súa “perfecta simbiose entre texto e ilustración, que se complementan mutuamente e ofrecen múltiples lecturas”. De Ícaro valoraron igualmente que “non deixa indiferente a ninguén”, facendo “dubidar” aos lectores sobre “onde comeza a realidade e onde termina a fantasía”.
Desde o punto de vista artístico, consideraron que rende “homenaxe a dous grandes creadores: Franz Kafka e Edward Hopper”. A calidade plástica das ilustracións reflíctese, puntualizou o xurado, “nas atmosferas creadas que engaden profundidade e densidade á lectura”, con pistas que se apuntan en cada imaxe, abrindo “a posibilidade a novas interpretacións”.
A acollida e interese dos alumnos foi moi satisfactoria. Fixéronlle preguntas relacionadas coa temática e coa
técnica utilizada.


13 de novembro de 2014

AS LIÑAS

Os alumnos/as de 1º da ESO traballaron cunhas liñas recicladas: os códigos de barras. Algo tan frío ou que nos pode deixar indiferentes pode transformarse en formas recoñecibles.






.

12 de novembro de 2014

INAUGÚRASE O MUSEO DE HISTORIA NATURAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA


O Museo de Historia Natural da Universidad de Santiago é un valioso conxunto do patrimonio histórico científico e o único museo de Historia Natural existente en Galicia. Nel poden verse un gran número de coleccións -que suman un total de 25.000 exemplares- de fauna, flora e minerais procedentes, non só de Galicia, senón de todas as partes do planeta.

Como centro continuador do Gabinete de Historia Natural creado na Universidad de Santiago durante o curso 1840-41, o Museo conserva nas súas instalacións moitas coleccións do século XIX, verdadeiras alfaias patrimoniais, que converten a este centro nun tesouro científico. Todo este patrimonio fai que este centro sexa un 'escaparate do mundo natural', en xeral, e da ciencia galega, en particular. A través das súas coleccións pode realizarse un completo percorrido polo labor dos máis destacados científicos galegos como Antonio Casares Rodríguez, Víctor López Seoane, Isidro Parga Pondal,  Luís Iglesias, José Rodríguez..., así como pola investigación actual realizada en distintos departamentos da Universidade de Santiago.

O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela é un centro con fortes potencialidades educativas e sociais, pois ademais das súas tarefas de investigación e educación formal, centra o seu futuro na divulgación científica, dando resposta ás obrigas que esta universidade ten coa cidadanía.