27 de outubro de 2013

FRANCISCO PIÑEIRO e as ILUSIÓNS ÓPTICAS

O pasado martes 22 de outubro visitounos na nosa Biblioteca Francisco Piñeiro Vilas que traballa actualmente na Televisión de Galicia como reporteiro gráfico para o Telexornal Galicia. Pero a súa traxectoria profesional está marcada por traballos en zonas de conflictos como o albano-kosovar ou a primeira guerra do Golfo con profesionais da talla de Iñaki Gabilondo, entre outros.
Falolles ao alumnado, en primeiro lugar, da súa profesión de reporteiro gráfico e en segundo lugar das ilusións ópticas.
Na súa opinión ninguén é neutral. Todo o mundo ten unha forma de ver as cousas e é imposible que non se transmita. Non fala de falsear a realidade; senón que, por exemplo, dous periodistas de ideoloxías diferentes informando da mesma historia non poderán contala da mesma maneira.
El manipula, entre comiñas, todos os días. Como "todo" non se pode ver a través dun obxectivo, recorta unha parte da realidade. El selecciona ese trozo que ve a xente na tele. Diante dunha mesma realidade cada reporteiro gráfico fai a súa propia selección. Esta ten que ver tamén coa forma que cada un ve o mundo.
Ese día conseguiu "captar" a atención do alumnado de 2º de Bacharelato de Artes que se quedou con ganas de que volvese porque a conferencia fíxose moi curta.

Ningún comentario: