18 de decembro de 2012

360º Book Christmas versión

Yusuke Ono deseña libros de 360º, cunha soa escena dun conto, tridimensional e branca como a neve, introdúcenos nunha poesía visual da historia.
Corta as páxinas cun cortador láser a partir de datos dixitais.
Abrir un dos seus libros produce unha sensación fascinante.


 


15 de decembro de 2012

Entrega dos premios "Microrrelatos de terror"

O pasado día once de Decembro entregáronse na biblioteca durante o primeiro lecer,  uns agasallos aos premiados polos Microrrelatos de Terror.

    Cristina e Daniela cos seus agasallos
  • Premio categoría Bacharelato para Daniela Ramos Ríos (2º Bach. A) polo relato "ESTANCAMENTO".
  • Premio categoría ESO para Cristina Fernández Sande (3º ESO A) polo relato "RELATO DUNHA NOITE DE SAMAÍN SEN SABELA".
  • Premio categoría PCPI para Ignacio Inarejo Sixto (PCPI B) polo relato "A TORTURA INTERMINABLE".

¡Parabéns a todos!

13 de decembro de 2012

El tiempo y la promesa

(Lista de honra Premio CCEI)

Texto de Concha López Narváez
Ilustracións de Juán Ramón Alonso
Editorial Bruño Novela histórica
Páxinas: 185
Lingua: Castelán

O tempo e a promesa é unha novela histórica que se desenvolve na cidade de Vitoria no ano 1492. Os xudeus teñen que sair para sempre das terras de España; pero algo sucede para que a saída atrásese en Vitoria. Este é un relato de odios e rencores, pero tamén  é de comprensión e de tolerancia; sobre todo é unha historia de amizades e fidelidade. Un pobo fai a outro pobo unha promesa que xamais foi crebada.

10 de decembro de 2012

Trece anos de Branca

Premio Edebé de Literatura Xuvenil


Texto de Agustín Fernández Paz.
Editorial Rodeira
Páxinas: 123
Lingua: Galego

Branca está enferma de hepatite. Dende hai nove días está na cama e ten que gardar repouso absoluto durante cinco ou seis semanas. Unha eternidade!
Encima ten que pasar o seu trece aniversario así. Ese día regálanlle un álbum de fotos e a súa nai proponlle que o complete para non se aburrir.
E así, pouquiño a pouco, Branca vai lembrando distintos episodios da súa vida que nos permiten ir coñecendo como é e como foi esta rapaza de trece anos. A súa infancia, a súa forma de vivir, os problemas dos seus pais, o colexio, o seu primeiro amor... son escenas que van xurdindo grazas ao efecto evocador dunhas vellas fotografías.

27 de novembro de 2012

O mundo da lectura

Curtametraxe que estimula o interese pola lectura e somérxenos no mundo de fantasía dos  libros.




*Showtime Beyond Promo and Feature Presentation Intro 2008

21 de novembro de 2012

25 de Novembro: Día Internacional contra a violencia de xénero: Campaña do Lazo Branco


Ilustración de Irma Gruenhotz
As agresións e asasinatos de mulleres aparecen a diario nos nosos xornais, son tan cotiáns que empezan a asumirse como algo inevitable. Pero non hai nada de inevitable na violencia de xénero, e o certo é que non se está a facer todo o posible para combatela.

Por que o 25 de Novembro?
O 25 de novembro foi declarado día internacional contra a Violencia cara á muller no Primeiro Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Bogotá (Colombia) en Xullo de 1981.
Neste encontro as mulleres denunciaron a violencia de xénero en todos os ámbitos da sociedade, os malos tratos e os asasinatos no fogar, as violacións, o acoso sexual, e a violencia en xeral cara ás mulleres, incluídas a tortura e os abusos sufridos por prisioneiras políticas. Elixiuse este día para non esquecer o asasinato das irmás Mirabal, tres activistas asasinadas en 1960 a mans da policía secreta do ditador Trujillo, na República Dominicana.
En 1999, a ONU deu carácter oficial a esta data

CAMPAÑA DO LAZO BRANCO: Comprometendo aos Homes  para poñer fin á Violencia cara ás Mulleres
Este ano o lazo representativo desta data, tradicionalmente de cor morada, pasa a ser da cor da paz, branca. Adóptase como símbolo, e representa o compromiso público dos homes que o portan de non exercer violencia contra as mulleres, non permitir que outros o fagan, e non permanecer en silencio fronte ao problema.

Pero levar o lazo branco non significa un acto de culpabilización cara aos varóns, nin un certificado de calidade que presentase ao que o leva como un gran tipo. Nin se leva para sair na foto. Levalo significa aceptar ese compromiso persoal de non cometer, permitir, nin silenciar a violencia contra as mulleres.

(Textos completos no enlace RECURSOS para traballar co alumnado deste mesmo blog)

(Información recollida de diferentes fontes, especialmente de http://www.granada.org/inet/wmujer.nsf/campana?openpage)


Concurso de LEMAS contra a "Violencia de Xénero"

  • O texto pode ir en calquera lingua (De non estar en castelán ou galego deberá levar tamén a tradución nun destes idiomas)
  • Pode ser en cor ou branco e negro e estilo libre
  • Tamaño folio (A4)
  • Poñer por detrás do folio o nome, apelidos e curso 
  • Categorías: ESO, Bacharelato e PCPI
Maruxa Mallo
  • Presentación ata o 23 de Novembro
  • Entrega en Vicedirección

20 de novembro de 2012

Premiados "Microrrelatos de Terror"


Os alumnos premiados  no concurso  “Micorrelatos de Terror” foron:
Ignacio Inarejo Sixto (PCPI-B)
Cristina  Fernández Sande (3º ESO-A)
Daniela Ramos Ríos (2º BACH-A)

A TORTURA INTERMINABLE
Era de noite e seis xóvenes decidiron quedarse a durmir nun motel. Cando xa estaban dentro puxéronse a xogar ao parchís. Despois de trinta minutos decidiron irse a durmir e de súpeto sae da nada unha nena pantasma. Aparentaba seis ou sete anos. Os xóvenes asustados correron. Un dos rapaces, como estudou dous anos de ocultismo propuxo facer un xogo de bruxería para invocar a outra pantasma que se desfixera da nena.
Os rapaces, xa nunha habitación, invocaron á pantasma; pero resultou que a pantasma que invocaron era mala mentres que a nena pantasma era boa. A pantasma foi matando de un en un aos xóvenes. Cando só quedaban dúas rapazas a pantasma foi pola nena e matouna. Nese intre, unha das rapazas morreu, xa que a nena pantasma resultaba ser ela de pequena.
A rapaza que quedaba tentou suicidarse de moitas maneiras, pero a pantasma non a deixaba matarse, e viviu torturada pola pantasma toda a vida.
Juán José Inarejo Sixto (PCPI Grupo B)

RELATO DUNHA NOITE DE SAMAIN SEN SABELA
O reloxo estaba a piques de dar as doce e Sabela aínda non chegara a casa e iso que a alertei do perigo que corría se non me facía caso. Na noite de Samaín os espíritos vagan dun cemiterio a outro, e, se te atopan polo camiño poden levarte ao seu mundo, a non ser que vaias prevido.
Eu senteime ao lado da xanela, agardando o seu regreso, chameina tres veces mais saíu o contestador. Acendín a televisión e quedei durmida.
Estaría uns dez minutos soñando cando chegou o meu marido á casa e espertoume co timbre. Comuniqueille o retraso da nosa filla e fomos buscala.
Fomos ás prazas onde adoitaba estar coas amigas, ao parque, á praza do Concello, mais non estaba.
Xa non sabiamos onde máis ir e ocorréusenos ir ao cemiterio, non fora ser que estivese. A simple vista non estaba, pero acercámonos á tumba da súa avoa, miña nai, que morrera había catro anos e, alí estaba. Fun correndo cara ela cando tropecei con algo; era un brazo, un brazo con anel que me resultaba moi familiar Ao vernos, Sabela, correu cara min e díxome que os espíritos levaron á avoa.
E desde onte, non volveu falar, e preocúpame moito, por iso quero traela ao psicólogo, preciso que a axudes.
Cristina Fernández Sande (3º ESO A)

ESTANCAMENTO
As sombras danzan arredor do candil. Semellan os xuíces da arrepiante escena da que, por desgraza, tamén eu son testemuña.
O coitelo ameazante deixoume inmóbil asediado por noxentas moscas, nun frío recuncho, entre trapos que apestan a algo indefinido mesturado co gato putrefacto.
Parece observarnos coa mirada branquecina e querer lamber a man do seu amo, el … meu amado amigo.
Nunca esquecerei a desesperación do seu rostro desfigurado pola luz espectral. Desquiciado, discutía violentamente maldicindo a escuridade.
Agora que a macilenta luz comeza a extinguirse… esas desmesuradas órbitas, tristemente quedas e desencaixadas, cúlpanme desde o meu regazo.
As súas verbas atropeladas proclaman a louca convicción de que a nada existe.
A densa calidez do seu sangue tinxe as miñas mans que tentan tapoar sen sentido o fluír da súa gorxa.
Só con mirarnos comprendo que xamais escaparemos do baleiro eco que deixou o repentino cese da súa euforia.
Daniela Ramos Ríos 2º Bach A

18 de novembro de 2012

Conferencia dos autores de BANDADA

V PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA PARA ÁLBUMS ILUSTRADOS – 2012
PREMIO COMPOSTELA

Os autores: David Daniel Álvarez Hernández e María Julia Díaz Garrido
O pasado día 7 de Novembro, ás 10:30  tivo lugar no Salón de Actos do IES de Sar, un Encontro cos autores do V premio internacional “Compostela” de Álbum Ilustrado. 
Ademáis dos premiados: Mª Julia Díaz e David Álvarez, dous novos ilustradores mexicanos e o alumnado do Bacharelato de Artes Plásticas, asisteu tamén a Concelleira de Educación, Rebeca Domínguez e Beatriz Varela polo Concello. Tamén estivo o director de Kalandraka, Xosé Bellesteros e a encargada de comunicación.
Cubriron o evento O Faro de Vigo, A Voz de Galicia e Localia Tv.
Os ilustradores e creadores do libro déronnos unha conferencia  sobre o proceso de realización da obra e dos seus proxectos e inquedanzas como ilustradores.
Tanto pola multitudinaria participación dos alumnos coma polo interesante da conferencia foi un verdadero éxito e unha honra para o centro.
BANDADA  foi a obra gañadora do V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado entre os 256 traballos que optaron ao certame, procedentes de 19 países.
O relato, a base de frases breves e sutís, propón unha profunda reflexión sobre a historia da humanidade: o desenvolvemento dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso técnico e científico, o benestar e un bo porvir, pero que nese tránsito perverte os seus principios, xera violencia e dominación dos fortes sobre os débiles.
Dende o punto de vista estético, “Bandada” destaca polo simbolismo das ilustracións, protagonizadas por toda clase de paxaros humanizados, representados cun extraordinario detallismo, en branco e negro.
Destaca o “virtuosismo” da técnica artística para conseguir imaxes dunha extraordinaria calidade e forza expresiva.
Un lirismo poético, un xogo contraditorio e unha mensaxe de esperanza que se leva ao extremo dun xeito moi hábil, asociando as aves desta historia coa incapacidade natural das persoas para voar.

Os seus autores son:

Os seus blogs:

BANDADA

David Daniel Álvarez Hernández (ilustración)
María Julia Díaz Garrido (ilustración)
Manuela Rodríguez (traducción ó galego)

32 Pág. 22,5 x 33 cm.

15 de novembro de 2012

Ulysses Moore

Trátase dunha colección de libros de intriga e misterio.
Cada un atrápache rapidamente, e antes de decatarte, xa estás enganchado á historia.
Os personaxes son sólidos, as tramas orixinais con diálogos enxeñosos, e mesmo as portadas son xeniais.

Ulysses Moore: La puerta del tiempo

Editorial Montena
Páxinas: 213
Lingua: Castelán
Texto de Pierdoménico Bacalario
Ilustracións de Iacopo Bruno

Este é o primeiro libro da saga.
Os señores Covenant mercaron Vila Argo, unha antiga mansión ao bordo dun cantil. O seus fillos xemelgos, Jason e Julia, xunto co seu novo amigo Rick, comezan a pescudar sobre o antigo dono da casa. Atoparán unha porta oculta por un armario, e tras ela un pasadizo que comunica cunha baía onde deberán tomar un barco e...
Para avanzar terán que superar unha serie de enigmas.

Ulysses Moore: El jardín de cenizas

Editorial Montena
Páxinas: 283
Lingua: Castelán
Texto de Pierdoménico Baccalario
Ilustracións de Iacopo Bruno

Ulysses Moore volatilizouse. Todo indica que partiu tras a pista de Penélope, a súa muller, desaparecida fai máis de doce anos.
Jason, Julia e os seus amigos sospeitan que cruzou algunha porta do tempo... pero onde foi exactamente?
Hai unha illa no océano do tempo. Un lugar salvaxe e inhóspito do que é imposible fuxir. Un lugar onde Ulysses Moore non querería poñer un pé, pero non lle queda outra...

8 de novembro de 2012


Venres 9 no 2º recreo lectura de relatos de terror na biblioteca


A BÚSQUEDA DA PERDICIÓN
José Ignacio Vázquez PCPI B
MANICOMIO 
Sonia Giao Rendo PCPI A
A NENA
Kevin Gómez Arca PCPI B
ESTANCAMENTO
Daniela Ramos Ríos 2º Bach A
O CHUPACABRAS
Paúl Brea Novoa PCPI B
MICRORRELATO
Glaidys Varona Fraga PCPI A
FACÍA FRÍO… 
AML e ARL de Bacharelato
A TORTURA INTERMINABLE
Juan J. Inarejo Sixto PCPI B
RELATO DUNHA NOITE DE SAMAÍN SEN SABELA
Cristina Fernández Sande 3º ESO A
UNHA CASA DE NOITE
Fabián Botana Gendre PCPI B
HABÍA UNHA VEZ… 
Esteban García Camino PCPI A
A LENDA NEGRA DE JACK
Alejandro Guerrero Vigo 3ESO B
SUPERNENAS 
Kevin Requeijo Faílde PCPI A
SAMAÍN
Flora Barreiro Domínguez
FIN DO MUNDO
Carlos Henrique da Silva PCPI A

6 de novembro de 2012

La canción de Hannah


Texto de Jean-Paul Nozière
Ilustracións de Jacques Ferrandez
Editorial Anaya
Lingua: Castelán
Páxinas: 139

A canción de Hannah recolle a historia dun rapaz, Louis Podski, fillo duns xudeus polacos, que desexosos de procurarlle un mundo mellor, lograron que nacese en Francia.

No verán de 1940, parte do territorio francés é ocupado polos nazis e as hostilidades cara aos xudeus esténdense como por case toda Europa. Hitler condenou á fuxida, ao exilio ou aos campos de concentración a millóns de xudeus, de xitanos e de opositores ao réxime nacionalsocialista.
Louis é incapaz de comprender como é posible pasar do respecto e a convivencia cara a un grupo de persoas ao odio e a discriminación máis irracionais. Tarda un tempo en aceptar que el está no bando dos perseguidos. Cando empeza a ser conscente da realidade comprométese cos máis débiles: outros nenos e as súas nais e loita ao seu xeito contra a ocupación francesa.
Este libro fálanos dunha das grandes traxedias da humanidade contribuíndo a que non esquezamos a toleracia e o respecto aos demais, sexa cal for a súa raza, a súa relixión ou a cor da súa pel.
E ensínanos que o compromiso co que un considera xusto e a fortaleza para non se render constitúen a mellor das garantías da esperanza.

30 de outubro de 2012

Premio Nacional de Ilustración 2012

Viñeta de el Roto publicada no xornal El País do 26 de Outubro
O humorista gráfico Andrés Rábago García, máis coñecido por os seus pseudónimos de El Roto e Ops, foi  galardoado recentemente  có Premio Nacional de Ilustración 2012 por “a súa visión crítica, poética, aguda e intelixente que nos axuda a reflexionar sobre como somos e como vivimos; ademais de por a súa defensa do libro en particular e da cultura en xeral como ferramentas imprescindibles para a construción dunha sociedade avanzada”.

O premiado colaborou con revistas de cómic como Tótem, El Cuervo ou Madriz. Publicou en diversos medios de prensa como Diario16, El periódico de Catalunya, e Tiempo, entre outros.  Actualmente publica no xornal El País

25 de outubro de 2012

Concursos para Samaín


O IES de Sar convoca dous concursos para conmemorar as festas de Samaín:

Concurso de MICRORRELATOS de TERROR baixo as seguintes bases:

  • Poden participar todos os alumnos do cento IES de Sar
  • Os relatos presentaranse en lingua galega
  • Extensión máxima de 15 liñas
  • Tipografía Arial 12
  • Presentación en ordenador (os alumnos de 1º ciclo da ESO poderán tamén entregalo manuscrito).
  • 2 categorías: ESO e Bacharelato




Concurso de Cabazas decoradas con dúas categorías: E.S.O. e Bacharelato e estilo libre.



Entrega en Vicedirección ata o 29 de Outubro.

24 de outubro de 2012

Tod@s con Malala

Nunha época na que todas as novas dos xornais tratan da crise económica  e chorradas de famosos, unha noticia resalta sobre todas as demais:
Malala, unha rapaza paquistaní, que loitaba polo dereito das rapazas á educación e por ise motivo, foi tiroteada polos talibáns. Isto é todo un exemplo de valentía e esforzo.

Se fose un talibán, agora mesmo sentiríame avergoñado, e menos mal que Malala sobreviviu, porque nese caso sentiríame culpable de selo responsable de destruír non só a valentía desta rapaza, senón o empeño que puxo en comunicar o que lle estaba a ocorrer nun diario que escribía dende os 11 anos, sabendo que se estaba arriscando a ser recoñecida.

Todo o mundo debería ten o dereito a estudar ao igual que o de respirar; e chama moito a atención que unha rapaza tan nova estivese tan concienciada para defender publicamente o seu dereito de estudar, demostrando o que quere.

A pesar de todo, unha educación en países como estes, implicaría unha evolución no resto mundo. Non hai moitas persoas loitando asi, polo dereito de estudar dos nenos e nenas , e polas súas ideas en xeral.

 Carta dos alumn@s de 4º ESO A do IES de Sar  publicada na Voz de Galicia

12 de outubro de 2012

Estreamos blog

     Estreamos este blog coa ilusión posta en que sexa un lugar agradable para compartir todo o relacionado coa nosa biblioteca: libros, películas, noticias, colaboracións, clubs de lectura e escritura, enlaces interesantes e todo o que vaia xurdindo.
Sen a vosa participación non tería xeito polo que necesitamos que comentedes nos posts e calquera idea ou suxestión que se vos ocorra será ben vida no noso correo librotksar@gmail.com.
Pasade, pescudade por aquí e poñédevos cómodos que comezamos.
Ilustración de Igor Shin Moromisato